Ao falar de nacionalismo musical eu ben sei que polo mundo hai e houbo os Vincent d'indy e os Debussy e os Ravel, defensores do universalismo musical. Eu xa sei que polo mundo adiante din as xentes que a música non é un arte nacionalista, posto que o seu linguaxe é intelixible para todo o mundo, e que a obra dun francés, por exemplo, é perfectamente diáfana para un chino. Pero eu ben sei, tamén, que os que tal din non son capaces de diferenciar a un chino dun francés.
Dise como unha cousa nova isto de que a música é intelixible para todo o mundo, como si non sucedera o mesmo coas outras artes. Tamén a pintura é intelixible para tódolos que non sexan cegos. O cadro dun pintor flamengo, poño por caso, é intelixible para todos os que teñan ollos na cara. Pero, ¿ vaise por isto a soster que non hai escolas pictóricas? ¿Vaise soster que as almas nacionales non deixaron, na pintura, asinalada a sua pouta ?
Coa arquitectura e a escultura pasa o mesmo. ¿E quen confundiría, aínda que falen nun linguaxe universal e humano, unha estatua grega dunha exipcia? ¿Quen non diferencia un tempo Budhista dunha catedral gótica? Decir, pois, que a música é intelixible para tódolos homes é non dicir nada : millor dito, é decir unha parvada. Ese linguaxe universal fala dun xeito nas danzas noruegas de Grieg, e doutro diferente nas Hespañolas de Granados. O noruego entende éstas e o español entende aquelas. Pero, ¿quen dubida que falan de xeito diferente? ¿Quen pode confundir o noso alalá cunha malagueña? ¿Quen pode por en tea de xuízo que na música choutan, fortemente vivas, as almas dos pobos en formas diversas, e que a música é, por excelencia, unha arte fondamente nacionalista?
Xaime Quintanilla; 14-11-1920. Primeiro volume da Revista Nós.
Xaime foi o último alcalde republicano de Ferrol. Fusilado nos primeiros días da guerra civil en agosto do 36. Tiña 39 anos. O seu fillo sucedeuno ao fronte da alcaldía ferrolana na Transición. Sobreviviu a catro décadas de férrea dictadura baixo o xugo dos asesinos do seu pai.
Cando a dialéctica entre o afín e o diferente non se sabe habitar mentalmente, o conflicto - innecesario - está servido, tanto na vida cotiá como en política. Neste texto, Quintanilla reacciona moi ben perante o cosmopolita universalismo que trata de diluir as múltiples formas - estéticas, políticas, culturais - nas que se manifesta; por moi anacrónicas e simples que parezan as súas reflexions sobre música e arquitectura - nalguhas liñas, son mesmo dunha inxenuidade tremenda -, teríamos que tomalas coma unha reacción epocal á vaga uniformadora da modernidade tecno-cientificista e industrialista do capitalismo liberal, que se radicaliza aínda máis cando ésta devén en fascismo.

No hay comentarios:
Publicar un comentario