domingo, 29 de enero de 2012

Domingo, 29 Xaneiro 2012.



"Xa sei que as creacions do espírito non se adaptan ás fronteiras da nación, e que as obras de arte voan, coma os páxaros, alén fronteiras. A arte non cabe dentro dos lindeiros políticos, e polo tanto, a miña obra puidera ser universal, mais a condición de que sexa unha verdadeira obra de arte, que iso non podemos dicilo nós, senon os que veñan despois e acaten o noso veredicto. 

Agora ben, non hai obra de arte capaz de resistir o xuízo do tempo que non leve o puño dunha nacionalidade, e por extenso que sexa o seu imperio, xamais perde o cheiro da terra e do tempo na que foi creada".

Escoito estas verbas de Castelao e, con todo, non estou plenamente dacordo con elas : tamén existen "non lugares" na sensibilidade estética, e hai que integralos nesa concepción da "universalidade concreta" que fai referencia á alteridade antropolóxica, á "diferencia" que Galiza é e dende a que se proxecta cara o mundo.

Creo que hai que integralos porque, en moitos casos, son un exemplo sublime de lucidez transfonteiriza -recordo, por certo, que J.M Coetzee decía aquelo de que a verdade é sempre transfonteiriza e problemática, e non podo estar máis dacordo con el- e, ao mesmo tempo, de universalidade ética. O que me atrae das cousas de Castelao, por exemplo, non é tanto a visualización da "diferencia", a súa condición de arte "nativo" ou "autóctono", senon, sobre todo, a profunda carga de denuncia moral que subxaz.

Creo que hai dúas "universalidades concretas" na mirada de Castelao : a ética e a antropolóxica. 



No hay comentarios:

Publicar un comentario