Sigo lendo Hard times; Dickens hiperboliza e tipifica demasiado os caracteres e as ideas dos personaxes que caracteriza, e faino cunha intención claramente moralizadora e satírica, mesmo sarcástica, en ocasions. A descrición de Coketown, por exemplo, é unha excusa para criticar ao realismo práctico da nacente sociedade industrial, utilitarista e economicista, o mesmo que os personaxes de Tomás Gradgrind e o señor Bounderby, que representan á perfección á aristocracia inglesa de banqueiros e mestres que valoran e xulgan toda actividade humana só pola súa utilidade racional.
Ás veces dame a sensación de que estou a ler unha obra de teatro mais que unha novela. A tipificación dos personaxes, a descrición detallada do escenario na que se desenvolve a trama e o recurso recurrente ao diálogo contribúen, creo, a esta sensación.
Con todo, encántame. Encántame Hard times porque, detrás desa satírica hiperbolización dos personaxes e as súas mentalidades hai unha intención claramente crítica e un coñecimento moi cabal do tipo de sociedade no que vivía. Tamén Valle Inclán e Henry Miller esaxeraban, e detrás das súas hiperbólicas esaxeracions latexaban as verdades caladas do seu tempo.
Esaxerar, ás veces, é un modo de querer recordar ou desvelar as verdades que siguen manténdose, por instinto de conservación, nun estúpido silencio cómplice.



No hay comentarios:
Publicar un comentario